Reportaxes

OS RETOS DO LIBRO DIXITAL

Edición galega 2.0


16-11-2009

O libro dixital é futuro, pero tamén presente. Os editores galegos son conscientes de que non se poden quedar na edición en papel, polo que comezan a apostar por novas liñas de traballo arredor do libro electrónico. No VI simposio “O libro e a lectura” da Asociación Galega de Editores (AGE) analizouse a situación, perspectivas, formatos, problemas e oportunidades da edición dixital.

“O mundo do libro ten que adaptarse á transformación dos hábitos de acceso á información e o coñecemento”. Así comezou Javier Celaya o 12 de novembro o simposio no que a AGE analizou o presente e futuro do libro dixital. Editor, experto en comunicación cultural e novas tecnoloxías e director do portal dosdoce.com, Celaya é o encargado de impartir o 16 e 17 de novembro un seminario só para profesionais no que os editores queren ampliar os seus coñecementos para afrontar este cambio de paradigma. “Os editores, libreiros e bibliotecas que non dean o paso á dixitalización van desaparecer”.

A necesidade de apostar pola cultura dixital está clara. Así o reflicte a AGE nas conclusións do simposio: “as lecturas dixitais, as pantallas, os dispositivos de lectura, os teléfonos móbiles, etc. conforman os soportes dun novo xeito de relacionarse os autores, editores, libreiros, distribuidores e lectores”. O presidente da asociación de editores, Alfonso García Sanmartín, expresou a necesidade do sector de adaptarse á edición dixital para sobrevivir e gañar espazos: “Temos que prepararnos para asumir as posibilidades enormes que ofrece esta tecnoloxía. O problema non é crear libros en PDF, hai que ir máis alá cun novo modelo editorial que nos axude a ofrecer novos servizos”.

En palabras do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, “lemos sobre pedras, cortizas, pergamiños, papiros, papel, subtítulos en pantallas de cine, pantallas de computador... pero sempre se le”. A lectura é o fío condutor na evolución de soportes e formatos, e “o libro electrónico non deixa de ser un camiño máis para chegar á lectura”, apuntou o director xeral. Manuel Bragado, o director de Edicións Xerais, ten claro que “o característico do mundo do libro non reside xa no soporte (sexa analóxico-impreso ou dixital-electrónico) e si, pola contra, na actividade que o promove, a lectura”.

Novos papeis

A consolidación do modelo dixital precisa unha transformación nos papeis de todos os axentes que interveñen no proceso de creación do libro. Luis Celaya avanzou na súa exposición no simposio cales son os principais cambios que se van suceder. No que respecta aos escritores, “imos cara a unha literatura plenamente dixital para unha xeración que quere que contemos historias multimedia”.

Considera que no caso dos editores darase un regreso ao contacto director cos clientes que tiñan no século XIX: “crearán redes sociais de lectores para recuperar esa función que no século XX cederon a libreiros e bibliotecarios”. Augurou que un terzo dos libros os venderán directamente os editores, outro terzo serán vendidos en librerías virtuais e o restante en plataformas de distribución de contidos dixitais. Celaya cre que a distribución deixará de ser o principal problema dos libros: “o aspecto clave será a visibilidade”, sinalou. “Se antes cada libro competía na librería con 70 mil novidades, agora vaino facer con 7 millóns de páxinas web novas ao ano”.

O libro nas nubes

Para Javier Celaya, os soportes son irrelevantes no debate sobre o futuro do libro. “A transformación da sociedade é máis importante que os dispositivos”, valora. Considera que os lectores de e-books, os chamados e-readers, non se van consolidar a medio prazo porque “non hai suficiente mercado para que un soporte só de lectura sexa viable”. Aposta por “un soporte no que se poida acceder a todo tipo de contidos: libros, audiovisuais, música, prensa, etc.”, que combine unha pantalla retroiluminada con outra de tinta electrónica. “Creo que o móbil será o principal dispositivo de lectura no futuro”.

Nin compra nin descarga. Entre os sistemas de acceso aos novos libros dixitais, Celaya cre que o que se vai consolidar é o de acceso e consumo na rede, o que el chama “libro nas nubes”, similar ao que se emprega en Google Books ou en plataformas de distribución de música como Spotify. Celaya estima que isto abrirá novas posibilidades de negocio para o sector: aluguer, pago por uso ou multiplicar as posibilidades de comercialización. Tamén cre que o acceso en liña ten sobre a descarga a vantaxe de solucionar os problemas de piratería.

O “libro nas nubes” tamén fará posible acceder a contidos enriquecidos: ligazóns a imaxes, vídeos e webs na rede; contidos extra ao xeito dos dvds de cine; e a posibilidade de ler un libro coas anotacións doutros, cun carácter contributivo. Celaya subliñou que nesta nova etapa os editores non deben subestimar o impacto do boca a boca: “a web 2.0 é unha rede de recomendacións”, sinalou.

Unha plataforma dixital conxunta

E os editores galegos, están preparados para este novo paradigma? “Creo que se deu un cambio de actitude e mentalidade nestes anos, que comezou cos bibliotecarios”, afirmou Celaya, que engadiu que “o ano que vén darase un punto de inflexión nos contidos, a comercialización e os modelos de negocio”. A celebración do simposio e o seminario implica un interese serio, que se deixa ver tamén en diversas iniciativas tomadas nos últimos tempos por parte das editoriais. García Sanmartín apuntou que “sería grave para o libro que tomasen a iniciativa as empresas tecnolóxicas”, e engadiu que “debemos defender unha nova estrutura comercial que permita que a cadea do sector do libro sobreviva no novo panorama”. Nesta liña, a Asociación Galega de Editores anunciou que está a traballar na creación dunha plataforma dixital conxunta para todo o sector do libro galego.

No simposio “O libro e a lectura”, Manuel Bragado foi o encargado de analizar a situación en Galicia. Apuntou que é no eido educativo onde máis se avanzou na edición dixital, con contidos en cd e dvd. Bragado prevé que tamén co libro electrónico se dea na edición galega “unha fortísitima dependencia do sector paraescolar e infantil e xuvenil”, cun “ritmo de desenvolvemento superior ao que se puidese introducir na edición dixital literaria”.

Presente e futuro galego

Bragado debullou seis tipos de edición dixital que se desenvolverán en Galicia e en galego nos vindeiros anos: obxectos dixitais educativos e materiais curriculares dixitais, que augura que ocuparán a maior parte dos esforzos e dos investimentos do sector; e-books; dicionarios e servizos de documentación en liña; experiencias dixitais en liña, como as que están a desenvolver en editoriais como OQO en relación coa edición infantil con técnicas de animación stop-motion; os audiolibros; e a impresión dixital baixo demanda.

Nos últimos meses, as editoriais están a tomar posicións na edición dixital. A máis avanzada nese campo é a coruñesa Netbiblo, que lanzou o ano pasado os “bidibooks”, un formato específico para móbil no que o libro enlaza con imaxes, vídeos e textos en internet. Galaxia e Xerais acaban de dar o paso de editar novidades literarias en dixital e distribuílas a través da rede. Ambas o están a facer a través de Publidisa na web Todoebook.com.

Galaxia abriu a súa oferta con A esmorga de Eduardo Blanco Amor, e A noite do moucho de Anxo Rei Ballesteros, ás que seguirán 50 títulos antes de final de ano, e outros tantos ao longo de 2010. Xerais puxo á venda en formato Adobe DRM Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras, primeiras accións na súa aposta por editar as novidades simultaneamente en papel e dixital. Tamén en Todoebook.com se poden poden atopar unha ducia de títulos en castelán da editorial viguesa Ideas Propias, especializada en libro formativo.

Non todo comezou hoxe

Manuel Bragado aproveitou para trazar unha historia do libro dixital en galego, os precedentes deste presente no que se agarda unha eclosión da dixitalización. Bragado sitúa os seus inicios no nacemento de internet en galego, no que tivo un papel decisivo Vieiros. O director de Xerais considera que o especial Mil primaveras para a lingua galega que publicou este portal web en 1996 pode considerarse o primeiro libro electrónico en galego.

Naqueles primeiros anos sitúanse iniciativas na rede de Manuel Forcadela, Gonzalo Navaza e Suso de Toro, ademais dos proxectos nos que Camilo Franco explorou as posibilidades de creación literaria coa participación dos lectores, de novo en Vieiros: Por conto alleo e Necesariamente X. Tamén citou outros fitos como a Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña, a Biblioteca Virtual “Bivir” da Asociación de Tradutores Galegos, ou a Biblioteca Dixital de Galicia.

Na rede naceron tamén iniciativas editoriais, como Edicións da Rotonda, que en 2005 publicou O home inédito de Carlos Meixide baixo licencia Creative Commons. A plataforma A Regueifa, especializada en música, publicou tamén libros dixitais en pdf e audiobooks en mp3. Do blogomillo, que agrupa milleiros de blos galegos, xurdiron propostas tan interesantes como a blogonovela A doble morte de Carina Mourela, publicada por Arume dos Piñeiros entre 2007 e 2008.

Así chegamos á actualidade: dicionarios de Ir Indo e Estraviz, a Enciclopedia Galega Universal, as iniciativas de Xerais e Galaxia... En febreiro deste ano Daniel Lavesedo publicou o libro de relatos Olladas atlánticas, editado por Luarna. Bragado considérao o primeiro e-book literario galego.


Imprimir

Novas relacionadas:

Documentos:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |