Cal foi o primeiro libro en galego que leu?
Non lembro ben cal foi o primeiro que lin, pero si que A esmorga de Blanco Amor foi o primeiro do que teño lembranzas, supoño que pola atmosfera densa e escura que percibía nel, por asociarse á escuridade das noites e das casas da miña aldea, e ás tabernas que había no meu barrio, ás que só entraba de neno os domingos co meu pai, e que estaban cheas de homes barulleiros, e historias directas e duras, contadas cunha rudeza que me desconcertaba.
E un libro que fose especialmente importante na súa vida?
Hai moitos, cadanseu nunha idade distinta e todos moi relacionados coas viaxes, con lugares e espacios fantásticos, El corsario negro de Salgari, Le Château de ma mère de Marcel Pagnol, Les rêveries du promeneur solitaire de Rouseeau, Las ciudades invisibles de Italo Calvino... E quizais entre todos Rayuela de Cortazar, porque o lin de moi novo, volvino ler máis tarde, e a historia mesturouse coa liberdade que me inspiraba París, coas miñas vivencias nesa cidade, e o xeito apaixonado de namorarse por alguén, neste caso da Maga.
Que libro lle gustaría ler en galego?
Planet of Slums de Mike Davis, este libro que recolle de xeito literario e accesíbel como son e como se vive actualmente nas grandes cidades do noso planeta convertidas en grandes extensións de chabolas. Paréceme un retrato da nosa realidade, descoñecido, alleo á información que recibimos, e próximo ao que podemos ler sobre a cidade do século XIX, nas novelas de Dickens, Zola ou Gorki.
Cal pensa que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Á xente nova recomendaríalle Capitães de areia de Jorge Amado, para pasar un tempo soñando co nordeste de Brasil e as súas desigualdades. E para cando sexan un pouco máis grandes, se son lectores curiosos e na procura de preguntas, a recomendación sería ler A sociedade de consumo de Jean Baudrillard, ou A sociedade do espectáculo de Guy Debord.
Que libro pedirá que lle regalen este Nadal?
Eu gosto das sorpresas, nunca pido nada coma presente, espero que se imaxinen o que pode interesarme. Algo malvado pero que me dá bos resultados, sempre caen cousas inesperadas e interesantes.
Que lectura recomendaría a alguén interesado en comprender a arquitectura contemporánea?
Ciudades para un pequeño planeta de Richard Rogers, Life between Buildings de Jan Ghel, ou Los ojos de la piel de Juhani Pallasmaa. Os tres xuntos dan unha visión dos trocos, e da transformación na percepción do espazo que nos envolve, penso que é mellor achegarse á comprensión da arquitectura dende aspectos máis humanísticos, que tratar de comprender primeiro as formas e a heteroxeneidade que arrodea as propostas actuais. Malia que se ese fose o interese recomendaría os libros de Josep María Muntaner, como Las formas del siglo XX.
Díganos algunha obra, literaria ou non, que se achegue con acerto á paisaxe, o territorio e as súas transformacións en Galicia.
Esta é unha das materias pendentes que temos en Galicia, penso que non fomos quen aínda de producir moitos textos que polo miúdo conten aos galegos como viven e como se están transformando os seus espazos de convivencia, como é o territorio que usan, cal é a actual paisaxe da nosa urbanización, e o que é máis importante, de que xeito poderiamos organizarnos para facelo de xeito menos agresivo, máis intelixente e produtivo. Con todo hai aproximacións interesantes, como Ciudad difusa en Galicia de J. Luís Dalda, La urbanización del espacio rural en Galicia de Roman Rodríguez, ou A casa contemporánea en Galicia de Plácido Lizancos.