Publicouse o decreto que fixa o ano vindeiro como estratéxico para o libro, con políticas que o Goberno galego ha desenvolver en “simbiose frutífera” co Xacobeo.
O decreto publicado no Diario Oficial de Galicia do 7 de agosto fixa finalmente a proposta que a Consellería de Cultura e Turismo viñera reiterando nos últimos meses: o ano 2010 será Ano do Libro e da Lectura. E por iso se dedicará de xeito especial ao desenvolvemento de políticas públicas a prol do libro, tanto mediante accións directas como a través da promoción de iniciativas de promoción da lectura no ámbito privado e asociativo. Accións que, segundo recolle o propio texto do decreto, a Consellería quere “incardinar no próximo ano xacobeo para ensamblar ambas realidades”.
Xa que logo, institucións públicas, centros de ensino, bibliotecas, asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia han destinar unha porcentaxe estimábel da súa actividade a desenvolver actividades de fomento, co fin de recoñecer o libro “como instrumento para a promoción e a divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia”.
Esta declaración, que se enmarca nas pautas deseñadas na Lei do Libro e da Lectura de 2007, prepara o terreo para que o libro se constitúa nun dos piares culturais sobre os que erguer a grande estrutura xacobea. O Xacobeo 2010 verase, xa que logo, “apoiado pola creación literaria galega e pola incorporación á nosa lingua dos textos fundamentais da área cutural en que nos inserimos”, a fin de engadirlle “unha perspectiva enriquecedora”.