O aumento das traducións nos últimos anos non se sustenta só no impulso editorial e nas axudas públicas. As novas xeracións de profesionais xurdidos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo atópanse detrás de moitos dos títulos que están a chegar ao galego desde outros idiomas. Seis tradutores que roldan a trintena fálannos do seu traballo, da situación da tradución en Galicia e da “profesionalidade” que os tradutores titulados achegan ao sistema editorial galego.
Nos andeis das librerías atopamos cada vez en maior número literatura universal e contemporánea en galego. Estanse a traducir textos clásicos, pero sobre todo literatura contemporánea. Desde supervendas como Harry Potter, O neno co pixama a raias e os libros de Dan Brown, ata clásicos contemporáneos como John Updike e Arto Paasilina, o corpus editorial en galego recibiu importantes achegas nos últimos anos. As novidades de autores como Paul Auster e Orhan Pamuk publícanse aquí ao mesmo tempo que en idiomas como o castelán ou o portugués, e por fin podemos ler en galego textos verquidos desde linguas como o xaponés, o alemán, o serbio ou o islandés.
No auxe das traducións teñen moito que dicir novas aventuras editoriais como Rinoceronte e Faktoría K, ao igual que editoras consolidadas que están a apostar pola tradución, como Xerais e Galaxia. Aínda con moito camiño por andar, sobre todo en poesía e ensaio, as traducións están a contribuír notablemente á normalización do sector editorial galego. E neste traballo hai unha serie de persoas que están a poñer todo o seu coñecemento e rigor profesional para facelo posible: os tradutores.
A importancia dos profesionais do sector explícaa desde o outro lado Marilar Aleixandre, bióloga, escritora e tradutora ocasional, homenaxeada este ano no Día Internacional da Tradución: “En Galicia a tradución deixouse totalmente ao voluntarismo e á iniciativa privada, o que explica que houbera moitas traducións de escritores”, valora, “e este ten que ser un traballo máis sistemático e artellado”.
Estes tradutores de nova xeración son titulados que alternan a tradución literaria con outros traballos de tradución e interpretación, e valoran a importancia dos seus estudos á hora de enfrontarse a un texto literario noutra lingua. Coinciden en salientar un valor principal que achegan as fornadas recentes de tradutores licenciados: profesionalidade. Non desprezan o traballo realizado pola xeracións anteriores, e estiman as achegas dos tradutores non profesionais, pero queren facer valer as súas calidades: recursos, metodoloxía e habilidades froito da formación académica e da concepción profesional do seu traballo.
Falamos de todo isto con seis destas novas voces da tradución: Eva Almazán, Patricia Buján, Lara Domínguez Araújo, Jairo Dorado Cadilla, Daniel Saavedra e Laura Sáez.